Sunday 19 de May de 2024

Terceira remesa de material preventivo enviado pola Xunta ao concello de Ribeira


 

A Xunta de Galicia vén de anunciar o envío ao Concello de Ribeira da terceira remesa de material de protección dende o inicio do Estado de Alarma, segundo se dou conta esta mañá durante a Comisión Municipal de Seguimento da Evolución do COVID-19.

Así, se na semana pasada se recibiron dúas partidas —unha de mascarillas e guantes, e outra de buzos— nesta ocasión o envío vai estar formado por 350 mascarillas cirúrxicas, 6 botes de xel hidroalcohólico, unha garrafa de 5 litros de desinfectante clorado, 12 traxes antisalpicaduras e 60 batas protectoras, sendo a autonómica a única administración que polo momento dotou de material ao noso Concello.

Noutra orde de cousas, no transcurso da Comisión acordouse a asunción de gastos por parte do Concello do traslado e enterramento dunha persoa usuaria de Servizos Sociais falecida por coronavirus no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Así mesmo, douse conta das xestións realizadas a través da Secretaría de Emigración da Xunta de Galicia para a repatriación dun cidadán ribeirense que se atopa en Buenos Aires.

Agradecementos
Por último, expresouse a gratitude da Comisión á aquelas persoas propietarias de pisos que os están a ofrecer para aloxar a persoal sanitario do Hospital e á empresa Cárnicos García de Oleiros pola doazón de alimentos. Súmanse a outros agradecementos expresados durante a fin de semana a Carlos Mariño, Jandro Ayaso e resto dos promotores e colaboradores do festival en streaming Illote; aos voluntarios con impresoras 3D que están a fabricar máscaras de plástico; ao Concello da Pobra por doar o material para fixo posible esta última iniciativa; a Conxelados Basoñas Mar, pola doazón de produtos para os bancos de alimentos; e a Tarrío y Suárez, que doou 40 buzos protectores.